CASO PRÁCTICO
Ao longo destas sesións traballouse sobre un caso práctico centrado na análise dun centro educativo e no deseño dun plan de mellora con enfoque inclusivo. Nun primeiro momento realizouse unha lectura detallada do caso para comprender a situación do centro e posteriormente elaborouse unha análise DAFO, identificando fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas. Máis adiante revisouse ese DAFO para seleccionar aqueles aspectos que podían influír positiva ou negativamente na proposta de mellora, en función do tema escollido para as caixas de aprendizaxe, como convivencia, atención á diversidade, titoría, profesorado ou alumnado estranxeiro.
A continuación desenvolveuse o traballo das caixas de aprendizaxe por fases. Primeiro realizáronse infografías sobre as funcións do titor ou titora en cada ámbito e definiuse o enfoque inclusivo prioritario, os obxectivos xerais e as liñas de acción da proposta. Nas seguintes sesións desenvolvéronse tarefas concretas, procesos de avaliación e dinámicas de revisión entre iguais, incorporando melloras a partir das achegas doutros grupos e diferentes perspectivas de análise.
Na miña opinión, estas prácticas foron moi enriquecedoras porque permitiron achegarnos á realidade dun centro educativo desde unha perspectiva práctica e colaborativa. Gustoume especialmente o feito de traballar cun caso realista e elaborar propostas de mellora progresivamente, xa que axudou a comprender mellor como se planifican actuacións educativas inclusivas e organizadas. Ademais, o traballo en equipo, a revisión entre pares e a reflexión constante favoreceron unha aprendizaxe máis participativa e crítica. Considero que foi unha experiencia moi útil para desenvolver competencias relacionadas coa orientación, a planificación educativa e a atención á diversidade.
Comentarios
Publicar un comentario